mércores, 22 de febreiro de 2012

ESTAMOS DE LOITO



Chegounos a mala nova hai uns minutos. O compañeiro Xosé Reigosa finou esta tarde.
Compañeiro en SOS Groba, dende o primeiro día, en Salvemos Monteferro , en Galiza Non se Vende e en todo o activismo do ecoloxismo e os movementos sociais.
Sabíamos dos seus padecementos dos últimos tempos e tiñamos esperanza de que un loitador coma el non se rendira nunca. E así foi. Non se rendeu nunca. Mais, a vida é dura e golpea forte e a súa saúde foise deteriorando, non así o seu afán de loita e o seu humor.
Xosé sempre estaba aí, a carón dos que necesitaban unha man amiga e tiña  toda a paciencia do mundo para loitar sen desmaio contra os  que venden o noso país e a nosa terra por unha puñada de euros ou unha cadeira quente nunha oficina.
Xosé era, é  e será sempre na nosa memoria, dos imprescindibles que dicía Bertol Brech.
Agora que xa non está entre nós co corpo, sabemos que nos ha de acompañar sempre na memoria e non nos deixará sós nas loitas contra o duro capital e os seus secuaces que están a estragalo todo. Por el, e por a súa familia, a que queremos facer chegar o noso máis garimoso afecto, seguirémos avante e non nos moveran.

Un ramallo de mimosas que arrecenden xa a primavera temperá.
Unha onda de salitre salferida en mil pingas do mar do Centulo en Monteferro.
Un refacho de esperanza que abanea as carballeiras na Fraga de Oliveira.
Un cantar miudiño de auga doce do río da Groba.
Unha presa de area dos areais de Lourido.
Unha ringleira de homes e mulleres de Galiza loitando contra o piche do Prestige.
Unha faixa verde e branca con letras negras e un altofalante que espalla
aos catro ventos unha voz firme, circia e clara.
Unha paisaxe sen muíños nen cetareas, sen recheos nen entullos,
sen gobernos que a venden como se fora súa.
E todas son túas
É nosas., e a de todos os que hoxe che agradecemos, Xosé,
o camiño andado xuntos.
Estés onde estés... sempre amigo,
estaremos contigo.
Ata sempre compañeiro.

2 comentarios:

  1. O meu máis sentido pésame á familia e achegados.

    ResponderEliminar
  2. Dende Ferrol Terra enviamos o noso máis sentido pésame á familia e compañeiros de Xosé, Todo un exemplo de bondade, loita social e defensa da natureza.

    ResponderEliminar