martes, 28 de febreiro de 2012

MESA REDONDA SOBRE A ENERXÍA EÓLICA. CONCLUSIÓNS




27 de febreiro do 2012




O pasado sábado 25 de febreiro A Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro celebrou unha mesa redonda sobre a enerxía eólica  no Auditorio Municipal de Vigo.

Emilio Menéndez,  enxeñeiro que desenvolveu parte da súa carreira no desenvolvemento da enerxía eólica, e na  actualidade  profesor honorario  da Universidade Autónoma e Politécnica de Madrid, especialista en desenvolvemento sustentable, abriu a sesión coa seguinte afirmación: “Na implantación de infraestructuras deste tipo é necesario o consenso da poboación”
 Damián Copena,  profesor da universidade de Vigo e Investigador en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, fixo unha exposición sobre a expansión dos polígonos eólicos en Galicia a partir de 1995 e a súa repercusión no mundo rural galego. Trala realización dun amplo estudo afirma que de media, os propietarios dos terreos reciben tan só un 1% do total da facturación.   
Xosé Beiras, da asociación ecoloxista Verdegaia, falou da repercusión  negativa da enerxía eólica no medio natural debido á falta dun Plan Eólico Galego, e denunciou a falla de sensibilidade da Administración para tentar reducir os efectos negativos destas instalacións.
 Mariano Tomás, activista do movemento "Contra parques eólicos de Valencia"  amosou  a  súa positiva  experiencia de loita  o longo dos  últimos  oito anos.
 Iván Novoa, técnico instalador de enerxías renovables explicounos a experiencia do centro de educación ambiental “As Corcerizas”, en Ourense, e os usos complementarios dos recursos enerxéticos que supoñen os eólicos de pequena potencia.
Ao final  os asistentes, preto dun cento de persoas, manifestaron a súa preocupación polo sinsentido que supón a instalación dun polígono eólico na Serra do Galiñeiro, tal como o demostrou a  mesa redonda de máis de unha hora de duración, que seguiu ás cinco intervencións dos relatores.
A serra do Galiñeiro está comprometida como polígono eólico dende o ano 2009 no que foi adxudicada á empresa Terra do Vento S.L, que ten o seu domicilio en Ourense, pero que é propiedade de  Element Power España S.L. pertencente á multinacional Element Power, cuxo único propietario é “Hudson Clean Energy Partnes”, empresa de New Jersey, que ten un socio maioritario que é o Credit Suisse.
Ao contrario de paises como Dinamarca onde a enerxía eólica é explotada comunitariamente, en España fíxose da enerxía eólica un negocio para grandes empresas multinacionais. Ata o punto de que ao cabo de dez anos a instalación está amortizada e os beneficios son na proporción de 12 de ingresos fronte a 2 de gastos.
En contados casos se da unha explotación da enerxía eólica de maneira local, por institucións públicas, pequenos propietarios ou entidades locais. Sería o que se chama Parques Eólicos Singulares. A regulamentación dos decretos eólicos, especialmente do de marzo do 2010, faino practicamente imposible, e a eliminación das primas pode facer que no futuro o sector eólico se concentre aínda máis nas mans das grandes empresas.
 Os propietarios dos terreos  atópanse desprotexidos fronte as empresas e   pode  chegarse mesmo á expropiación aínda que estes queiran negociar o contrato. En moitos casos os dereitos sobre os terreos son a  perpetuidade.
As previsións  en emprego e postos de traballo  das empresas eólicas non se cumpren na maioría  dos casos.
Galicia exporta a terceira parte da enerxía que produce e pola contra ten só o 11% do seu territorio protexido ambientalmente, cando as Directrices europeas esixen un 25 %. Na ampliación da REDE NATURA que se está levando a cabo nestes momento, e que só pretende chegar a un 16 %, evítanse todas as zonas con potencial eólico aínda que teñan valores ambientais de grande importancia.


Os estudos  de impacto ambiental non pasan de ser un trámite administrativo que en  rarísimas ocasións supuxo a non implantación dunha instalación  eólica.
Como exemplo decir que no Xistral se instalaron 30  polígonos eólicos en Lugares de Interese Comunitario (LIC), onde as turbeiras de alto valor ambiental foron destruídas, o que implica a expulsión á atmosfera de cantidades considerables de CO2 no proceso de degradación da turba, xusto o contrario do que se argumenta para instalar as infraestruturas eólicas.
A solución á crise enerxética non é esta, senón consumir menos enerxía, porque só é limpa a enerxía que non se consome. E de tódolos xeitos as necesidades enerxéticas deberan cubrirse cunha produción distribuida máis o próximo posible aos lugares de consumo. O transporte da enerxía crea un impacto ambiental forte pola degradación da zona por onde pasan as liñas, e pola gran perda de enerxía no propio transporte.


A conclusión é clara: As Administracións galega e española ubican os eólicos non nos lugares con máis vento ou con menos risco ambiental, senon nos lugares con menos oposición social.



A Serra do Galiñeiro aparece nos mapas do I.D.A.E. como zona non apta de vento, é a prolongación natural e xeográfica do Parque Natural do Monte Aloia, é a unidade de paisaxe de máis valor do sur da provincia de Pontevedra. Dada a súa orografía tan abrupta as pistas de acceso necesarias para a instalación dos aeroxeradores e a instalación das bases dos mesmos suporían a destrución das súas ladeiras. Os valores ecolóxicos, arqueolóxicos e etnográficos do Galiñeiro, son sen dúbida, merecedores de protección, pois é un corredoro ecolóxico necesario entre o Baixo Miño, a ría de Vigo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas... Pois ben, ningún destes argumentos ten en conta a Administración do país, e pola contra hipotecan o futuro do territorio en mans de empresas multinacionais. A isto só se lle pode chamar expolio do territorio.




Para máis información pódese consultar as nosas páxinas web:


ou contactar con:


Diego Rodríguez     670  784  919

Pablo Casal Núñez   627 27 68 16

Pura González       620 055 347






Ningún comentario:

Publicar un comentario