xoves, 10 de maio de 2012

ESPECIES SINGULARES QUE HABITAN NA GROBA EN PERIGO

SAPO DE ESPORÓNS NA POZA DA GABIÑEIRA
O anfibio máis ameazado da fauna galega está presente na serra da Groba. Trátase do sapo de esporóns (Pelobates cultripes).


O pasado 26 de abril, pola noite, unha femia desta especie apareceu na beira dunha poza temporal, chea de auga por fin grazas ás chuvias dos últimos días. Sinto que a calidade da foto sexa tan mala, pero non tiña comigo a cámara e tuven de tirala co móbil.




O sapo de esporóns experimentou nos últimos anos un preocupante declive en toda Galiza, o que levou á Xunta a incluilo no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de "vulnerabel". Porén, o retroceso da especie está a ser tan acusado que o herpetólogo que realizou a asistencia técnica para a elaboración do plan de conservación desta especie por encargo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza recomenda que o sapo de esporóns pase á categoría de "en perigo de extinción". De ser relativamente frecuente en boa parte do litoral sur galego e en muitas zonas do interior (en Ourense sobre todo), os últimos censos dano como extinguido na provincia de Pontevedra, a excepción da área O Grove/A Lanzada.


A charca onde posibelmente se estea a reproducir esta especie está directamente ameazada polos accesos a varios aeroxeradores doParque Eólico Albariño I, que discorrerían a menos de 100m da mesma e afectarían posibelmente á alimentación da charca. Esta especie é mui vulnerabel ademais aos atropelos, que aumentarían ao favorecer a apertura destas vías o acceso de todo tipo de veículos á área de reprodución do sapo. A irrupción de maquinaria pesada no hábitat da especie podería provocar ademais a morte directa de exemplares enterrados.




Outro argumento máis contra o parque eólico. Con este xa son dous os anfibios incluídos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas que se reproducen nas pozas temporais directamente ameazadas polo proxecto. Nos próximos días vou comunicar o achádego á gardería de Medio Ambiente, é bo que teñan constancia destas cousas (quizais nun futuro nos poida axudar).


RÁ DE SAN ANTÓN NA POZA DA GABIÑEIRA




Logo dun longo e desesperante período de seca, as chuvias do mes de abril e comezos de maio déronlle unha última oportunidade a diversas especies de anfibios, que nestes días están a reproducirse na serra da Groba. Na mesma charca onde apareceu o sapo de esporóns está a criar a rela ou rá de Santo Antón (Hyla arborea), a única ra arborícola da nosa fauna.

Esta especie está considerada tamén como "vulnerábel" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, pois se encontra en declive en boa parte de Galiza, necesitando para a súa conservación de áreas amplas de boa calidade ambiental e con hábitats de cría apropiados.

A Declaración de Impacto Ambiental do Parque eólico Albariño I non contempla a presenza desta especie protexida na área afectada. Outro argumento máis contra o proxecto.
 Textos e fotos  facilitados polo noso compañeiro AFONSO GONZALEZ.



Ningún comentario:

Publicar un comentario