venres, 6 de xullo de 2012

MANIFESTACIÓN CABALAR O DOMINGO 8 DE XULLO EN VIGO

Este domingo haberá unha nova Marcha Cabalar reivindicativa, desta volta polas rúas de Vigo. Dende o parque de Castrelos ás 11,30 h, ata a praza de España e volta a Castrelos.
Xa co Decreto Equino da Xunta en Vigor, comezou a conta atrás para a pervivencia nos nosos montes dos cabalos salvaxes. Para quen aínda non entenda o problema ou lle falle información, adxuntamos o seguinte artigo explicativo.


S.O.S DOS CABALOS SALVAXES
Por que non nos vale o Decreto Equino da Xunta e non queremos o microchip nos cabalos salvaxes.

O 14 de xuño pasado, o consello da Xunta de Galicia aprobou un decreto que segundo podemos ver nos primeiros parágrafos di:
O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza de hoxe un decreto da Consellería do
Medio Rural e do Mar que regula a identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e a
xestión dos équidos mostrencos, que serían aqueles que deambulan en liberdade nos
espazos agrícolas e forestais, núcleos de poboación ou vías de comunicación sen
identificación e sen ter dono coñecido.
Esta norma desenvolve executivamente, de maneira axustada e axeitada á lexislación
estatal e comunitaria, todo o relacionado coa sanidade animal, as explotacións gandeiras
e o rexistro de movementos de gando equino, cunha especial e innovadora regulación
dos mostrencos.
Con este decreto créanse as condicións necesarias para garantir o correcto
desenvolvemento da produción equina en Galicia e procúrase, ao tempo, definir unha
base normativa que estableza as condicións de convivencia entre os propietarios das
terras nas que pastan estes animais e os gandeiros que as usan ou pretenden utilizar, e
tamén unha maior seguridade viaria.

Despois de pasadas xa varias manifestacións dos propietarios dos cabalos do monte, os organizadores dos curros e asociacións ecoloxístas, en contra do dito decreto, de moitas xuntanzas e reunións con asociacións dos curros da provincia de Pontevedra, entre as que podemos nomear as de Sabucedo, A Groba e O Galiñeiro como máis salientables, entre outras; reunións cos representantes das Comisións de Gandeiría dos tres grupos parlamentares, PP, PSOE e BNG, científicos e especialistas e representantes dos concellos do Val Miñor e Oia, seguimos igual ou pior que antes e, xa aprobado o Decreto Equino, anulados os curros de este ano no Val Miñor e Oia, atopamonos con que hai que seguir loitando e explicando os porques e as razóns polas cales nos negamos a aceptar a desaparición programada dos cabalos salvaxes dos nosos montes.

Cabalos salvaxes, cabalos ceibes, burras do monte e garranos.

Galicia conta co privilexio de ter entre a súa fauna os cabalos salvaxes e unha raza propia, o Pura Raza Galega, que está en perigo de extinción no seu estado primitivo, o salvaxe; non así en cautividade onde se fixeron programas de cría e se fomentou o seu uso para o lecer e a monta deportiva, con ligas e concursos que teñen acaparado nos ultimos anos milleiros e milleiros de euros de axudas para o seu fomento e cría en cautividade. Programas que nos parecen ben, mais que nada teñen que ver co problema que nos ocupa, pois ese mundo é outro, moi distinto e afastado do das nosas burras do monte. Os garranos que chaman os irmáns portugueses, ( eles si entenden o problema e estános a potenciar e protexer) non reciben axudas nin se teñen en consideración a pesares de ser unha raza que periga no seu estado salvaxe e que por outra parte, se di protexer.
Cabalos ceibes son todos os que andan ceibos polo monte, mais non todos son salvaxes pois son na súa maioría introducidos polo home con distintos fins, xa sexa para limpar o mato, para a súa cría con fins deportivos ou comerciais ou simplemente para que acompañen ás vacas no monte e sexan eles e non as vacas ou os becerros os que son atacados polos lobos, co cal as perdas económicas minimízanse, dado o menor valor dun poldro ou unha égua ao respecto dun xato ou unha vaca.
Burras do monte chámanselle nos montes das serras do Galiñeiro e a Groba aos cabalos salvaxesque as habitan ininterrumpidamente dende hai miles de anos, segundo se pon de manifesto nos gravados rupestres que se atopan en varios lugares, senlleiramente nos petróglifos do Outeiro dos Lameiros, na comunidade de montes da parroquia de Santa Cristina de Sabarís, onde é probable que estemos a ver unha escena dun primitivo curro con escenas de monta,caza e manipulación dos cabalos salvaxes axudados por cans, xa hai aproximadamente uns 4000 anos.

Patrimonio Natural e Cultural.

Os cabalos salvaxes forman parte do noso patrimonio cultural e natural. Son os protagonístas das festas etnográficas dos curros e as rapas, festas que teñen unha grande tradición en todo o noso país e que teñen segundo sexa o lugar de celebración, unha características especiais que as fan aínda máis valiosas pola variabilidade. Non se fai igual un curro no Val Miñor que en Sabucedo, por pór dous exemplos próximos, ou na Capelada en Cedeira ou O Candaoso en Viveiro, por falar dos máis salientables das provincias da Coruña e Lugo. Cada un deles ten as súas características e o seu valor etnográfico que hai que protexer e potenciar por moitos motivos, entre os que podemos mencionar o potencial turístico e o ecolóxico, que só entre estes dous serían suficientes para pensar nunha verdadeira proteción e potenciación. Asemade son únicos, teñen a singularidade de ser patrimonio inmaterial dunha cultura, a galega, e van ligados as raigames máis recuadas no tempo dos alicerces do noso ser como pobo e a nosa ligazon coa terra, da que xurden outras características que nos identifican e singularizan, como veñen dicindo dende vello os nosos clásicos e reiteran os máis salientables pensadores e escritores contemporáneos.
Son patrimonio natural por formar parte da nosa fauna autóctona e estar documentados e valorados nos nosos montes xa polo mundo clásico dos cronístas romanos, que fixeron grandes loas aos seus valores polos servizos que lograban prestar na axuda ao transporte de tropas e materiais, a pesares da súa apariencia e físico menor, por riba de outras razas que viñan de fóra con máis sona. Moi ben adaptados ao seu medio físico, cun proceso evolutivo que os fai resistentes e que permite que vivan en condicións de adaptabilidade moi superiores a calquera outra raza. Comen toxo, aguantan as inclemencias do tempo e cumpren unha función ecolóxica moi importante, pois crease a seu redor unha cadea vital na que viven acompañados de moitos seres vivos que manteñen relacións de interdependencia. Dende paxaros ata insectos, pequenos e grandes mamíferos como as raposas e o lobo, plantas e flores, e o mato en xeral que se debuxa nos seus habitats cunhas formas como coidadas polas mans dun laborioso xardineiro que as traballa arreo tódolos días do ano. O valor do seu traballo non ten prezo, nin hai diñeiro no mundo que o pague.

Singularidade.

Sendo un patrimonio natural e cultural moi noso, só hai en Europa outro cabalo salvaxe que se lle poida comparar en Alemania, e no noso caso, sendo un animal que nace e vive no monte dun xeito natural, ten a particularidade de que ten dono e cada propietario sabe da zona por onde se move o seu animal e tenos marcados para coñecelos e diferencialos de outros. Os cabalos só son manipulados pola man do home dun xeito colectivo o día da celebración do curro. O curro celebrase no Val Miñor dúas veces no ano, se o tempo o permite, unha en primavera e outra no verán, co obxecto de identificar aos poldros nacido no ano, marcalos coas marcas tradicionais herdadas polas familias, desparasitalos e cortarlle as crinas. Antigamente as crinas eran comercializadas e/ou utilizadas para facer cordas e cepillos. Coa aparición dos produtos sintéticos e os plásticos derivados do petróleo, foron perdendo valor e hoxe en día non se aproveitan e son queimadas no lume que se utiliza para quentar os marcos ou ferros de marcar.
Cada poldro que entra no curro e vai quedar no monte é desparasitado e marcado. Os machos, maioritariamente, son aproveitados polos propietarios para sacrificalos para comer, ou vendidos a algún veciño co mesmo fin. Non entran en ningunha cadea comercial dado o seu pouco valor e pouco peso, polo que a súa utilización ou posible comercialización entre veciños, non se pode considerar negocio se non máis ben troco e depuración necesaria para o propio mantemento dos animais no seu ecosistema. Como en outras especies salvaxes, os machos son menos numerosos e entre eles fan unha propia selección natural, que só mantén vivos aos máis fortes que se encargan de fertilizar a un grande número de femias. Tamén se fai esta selección co obxecto de que as femias ao perder as crías tan pronto, fiquen de novo en celo e queden preñadas para poder ter un novo poldro para o curro seguinte. Os poldros viven pegados a súa nai arredor de catro anos sin que está volva a recuperar o celo. Cando son rexeitados, as femias volven a estar preparadas para parir, e a cría convirtese nun adulto novo que renova o ciclo vital, seguindo unida ao seu clan de por vida, na que é sempre unha matriarca a que guía no monte ao grupo familiar composto por avoas, nais, tias e sobriñas. Os machos andan a maior parte do ano apartados, indo e vindo de clan en clan buscando femias fértiles en celo e loitando entre eles cando cruzan territorios alleos dominados por outro garañón.

As marcas.

Son os sinais que identifican ao propietario, e que só se poñen o día do curro, que é o único día no que é “doado” manipular os cabalos salvaxes, ao estar acurrados despois dun traballo colectivo de moitas persoas necesarias para levar a bon fin tal tarefa. Consisten nunha marca que se grava cun ferro candente enriba do coiro do animal nunha das súas ancas. Esta marca permanecerá aí toda a vida do animal, e só será trocada por outra se este pasa a ser propiedade de outra familia ou persoa, sendo a outra posta por riba a que a sustitúa.Este debuxo pódese ver na anca do animal sempre, aínda de lonxe e é un xeito de identificar ao animal e ao propietario que ven funcionando dende sempre, non só na nosa terra se non tamén noutros lugares do mundo, ao ser o xeito máis fiable e económico de identificación, por outra parte tamén utilizado con outro tipo de animais como os touros de lidia e outros animais que viven ceibos nos montes ou en grandes propiedades, mesturados en mandas comunais ou particulares pero que permite a identificación ao lonxe para o manexo dos mesmos.
As marcas son tamén un patrimonio que se está a perder, ao desfacerse cada ano moitos propietarios dos cabalos. Moitas delas teñen séculos de vida na propiedade dunhas familias que manteñen vivo este patrimonio sen obter redito algún, máis alá da carne duns poldros. Outrora esto non foi así, e os nosos cabalos formaban parte dun comercio en feiras e mercados, sendo domeados para traballar as terras, tirar de carros e arados, ou servir para o transporte polas corredoiras e camiños do país, que aínda non sabían de asfalto. Tiñan valor comercial e como tal eran valorados e apreciados. Hoxe todo eso é pasado, e só se manteñen no monte por tradición e como unha débeda para cos antepasados que nolos legaron, e aos que tantos e bos servizos prestaron axudando a domear a terra que nos deu de comer e nos mantivo.

Valor e prezo.

Ten polo tanto o noso cabalo do monte un grande valor e moi pouco prezo. Esta dicotomía é a que moita xente non entende, e é a que está a levar a desaparición paulatina e imparable dos cabalos salvaxes dos nosos montes. Confundir valor e prezo e algo moi común cando se descoñecen os detalles, e cando se tenta pórlle valor económico ao que nunca se debería. O diñeiro é importante, mais non o é todo na vida, e menos na sociedade actual onde estamos a ver as consecuencias de deixarnos levar polo mercantilismo e a supravaloración do material. Hai, asemade, cousas que están moi por riba de calqueira interese particular ou temporal que se poida dar. O patrimonio natural, unha raza de cabalo, un pequeno insecto ou unha pequena planta, que pasa inadvertida para nós, son entes que teñen moito máis valor que o que se lle poida otorgar subxectivamente nun intre dado. Forman parte dunha cadea natural, formada por elos aos que non lles coñecemos o principio nen o remate, ensarillandose nunha madeixa de relacións que forman o ecosistema no que vivímos e que nos da a vida. Cando un deles desaparece, a cadea mantense, en aparencia, mais non dun xeito igual. A perda é irreparable, e non hai diñeiro no mundo que a poida sustituir nen trocar. O chamado efecto volvoreta, que di que cando unha volvoreta move as azas nun lugar do mundo, no outro estase a producir unha tormenta, ven a tentar describir unha realidade que foi levada ao cinema en varios filmes dos chamados de ciencia ficción, nos que se aprecia como a manipulación do home provocando o exterminio ou manipulación de especies levou a cataclismos que remataron co planeta. Hoxe non fai falla acudir ao cinema nin a ciencia ficción para apreciar as mudanzas que se teñen dado nos últimos anos polo abuso que temos feito da natureza. O efecto invernadoiro, o cambio climático, a contaminación dos mares e océanos, a desaparición de especies no hai moito abondosas, son mostras salientables da importancia e necesidade de non confundir valor e prezo. Nós non o facemos, e por eso que valoramos os cabalos salvaxes e consideramos que teñen moito que darnos nos nosos montes, merecen o noso respecto e a nosa axuda para que se manteñan aí, moitos séculos máis.

Chegados a este punto imos analizar o Decreto Equino e o que significaría para os cabalos salvaxes. O maís doado e ir analizando os paragráfos que encabezan este artigo, con ese resumo do mesmo do consello da Xunta do 14 de xuño:

1º Parágrafo

.... regula a identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e a
xestión dos équidos mostrencos, que serían aqueles que deambulan en liberdade nos
espazos agrícolas e forestais, núcleos de poboación ou vías de comunicación sen
identificación e sen ter dono coñecido.

No primeiro parágrafo xa vemos a mestura que fai a Xunta ao meter nun mesmo saco aos cabalos domésticos, mostrencos e, sen nomealos, aos cabalos salvaxes. Fai unha concreción ao dicir cabalos que deambulan sen identificar e sen dono coñecido, chámalle mostrencos, e sen decilo asimila aos cabalos salvaxes con dono e marcados, nun grupo dos que poderíamos chamar “ilegais”, e que si necesitan certo tipo de control mais que, coidamos nós, seguiran sendo ilegais no futuro se non se toman outro tipo de medidas que, coa situación legal existente antes, xa se tiñan que ter tomado.
Os cabalos salvaxes nas serras do Galiñeiro e a Groba están marcados e identificados. Os propietarios están rexistrados na asociacións seguintes : Asociación de propietairos de cabalos de o curro de A Valga, Propietarios de Cabalos do Monte de A Groba ( inclúe os curros de Torroña, Mougás e San Cibrán), Curros de Morgadáns e Galiñeiro. Cada asociación ten o seu rexistro legal e estatutos, seguro de responsabilidade e listado de socios. Cada socio está obrigado a pagar un seguro polos cabalos que ten ao seu nome, e as súas marcas están rexistradas no libro da asociación. Cando hai un incidente ou accidente nunha zona concreta que abrangue ao territorio de un determino curro, avísase ao presidente ou responsable de dita asociación que é o encargado de informar e identificar se ese animal ou animais son da súa responsabilidade . Non esquezamos que os animais son salvaxes e móvense seguindo pautas que teñen que ver coa época do ano, o clima, o estado dos montes e os pastos, o celo e as loitas territoriais dos clans e/ou os garañóns. E por suposto, non saben de lindes comunais nen xeográficos.
Polo tanto, úlos os mostrencos? Úlos os cabalos sen identificar?Habelos hainos, di o refrán. Seguramente algún pode haber en todo o país, que é moi grande, mais tamén hai condutores sen carné e sen seguro, xente que non declara a facenda e xente de mal vivir.Non por iso toda a sociedade é mentada de ilegal e culpabilizada por que algún elemento dela non cumpra as leis. É perseguido e multado o infractor, e sinalado pola propia sociedade que non quere que paguen xustos por pecadores. Eso mesmo pasa cos propietarios de cabalos salvaxes, que non queren que se lles culpe a todos por que un día se atopa nun lugar do país un que non cumpre. Que castiguen a ese, que persigan aos infractores e ilegais, que retiren do monte os cabalos sen marcar e que cumpran e fagan cumprir as leis. Nas serras do Galiñeiro e da Groba as propias sociedades se encargan de que non existan ilegais, pois eses serán os que perxudiquen a todos e crien a fama que logo tanto costa botar abaixo.Eles fan de polícias que controlan as súas zonas, e tentan, como vos coñecedores do terreo e dos veciños, evitar conflitos, non querendo dicir esto que non existan problemas e conflitos. Ténse avanzado moito na concienciación dos propietarios e da xente, e as asociacións están a facer un labor que non se lle ten recoñecido o suficiente e que nós dende aquí queremos salientar e valorar na súa xusta medida. Aínda queda camiño por andar, mais coa axuda de todos estáse demostrando que se mellorou moito polo interese xeral de todos e estánse facendo as cousas ben.

2º Parágrafo.


Esta norma desenvolve executivamente, de maneira axustada e axeitada á lexislación
estatal e comunitaria, todo o relacionado coa sanidade animal, as explotacións gandeiras
e o rexistro de movementos de gando equino, cunha especial e innovadora regulación
dos mostrencos.

Efectivamente, a norma desenvolve as leis estatais e comunitarias, pero de aplicación para os cabalos domésticos, de explotacións extensivas e outros que houber. Nada que obxectar. Igual que se fai con outros animais que están nas cadeas alimenticias, vacas, ovellas, cabras. Pero nos estamos falando de animais salvaxes, que son cabalos, e que viven e se crían ceibos, sen manipulación nen valados que os couten nun lugar concreto. Os que viven nun lugar concreto, dentro dun valado, e son utlizados para desbroce controlado, cría e engorde para produción cárnica ou uso deportivo, eses non son salvaxes (aínda que o foran nalgún intre) nin teñen nada que ver co que nos estamos a falar. Esa normas parécenos que si se poden aplicar a eses animais dos que se tira un rendemento económico X, sexa cal fora. Non entramos a analizalas nese campo pois non é o tema das nosas preocupacións.
O da especial e innovadora regulación dos mostrencos , polo antedito non nos acae tampouco. O de innovadora non sería un adxectivo a valorar como positivo, pois esa innovación leva a paulatina desaparición dos cabalos salvaxes, co cal en pouco tempo xa non habería animais en estado salvaxe que regular. Se se cumpre o decreto tal cal está diseñado, pasarían a ser todos animais críados en explotacións extensivas, controlados e regulados para fins concretos, como calquera outro animal doméstico.
Aquí temos que facer unhas aclaracións a certas singularidades que se están a dar. Por exemplo, no curro de Sabucedo os animais foron rexistrados co microchip, dado que houbo a obrigatoriedade imposta baixo ameaza de multa e da posible suspensión do curro. Este curro esta declarado Festa de Interese Nacional e interese turístico, move unha gran cantidade de xente e de organización e recada moito diñeiro nos distintos días de celebración. Hai un interese crematístico, ademais de tódolos demais que se veñen sinalando. Non temos nada contra diso. Pola contra, parécenos ben e é un xeito de que non desaparezan os cabalos do monte e a xente que queira mantelos, e un relevo xeracional dun grupo de xente que sinte moito orgullo polo que está a facer e manter vivo. Parabéns para todos eles e o noso apoio. Evidentemente aínda estando en contra do microchip, pois como se ten dito, non soluciona nengún dos problemas que se levan comentado, eles tiveron que identificar os seus cabalos co microchip e tamén coas marcas, pois son estas as que seguen a ser útiles para o control dos animais nos montes. O seu caso, como dixemos xa, é un dos moitos singulares que se dan por toda a xeografía do noso país, mais ten máis defensa dado o grande valor engadido que souberon darlle dende hai moitos anos ao seu curro e ao seu xeito de manexar os cabalos. Sen os cartos recados no curro, os problemas son os mesmos e eles, que participan con nós en xuntanzas reivindicativas, tamén están por facer unha regulación especial para os cabalos salvaxes, que non aparecen nin se mentan en todo o Decreto Equino.

3º Parágrafo.



Con este decreto créanse as condicións necesarias para garantir o correcto
desenvolvemento da produción equina en Galicia e procúrase, ao tempo, definir unha
base normativa que estableza as condicións de convivencia entre os propietarios das
terras nas que pastan estes animais e os gandeiros que as usan ou pretenden utilizar, e
tamén unha maior seguridade viaria.
Con este decreto o único que se crea é un grande problema e unha condea dos cabalos salvaxes a desaparecer. Fálase de propietarios das terras nas que pastan estes animais e de gandeiros que as usan. Maticemos. Propietarios son maioritariamente as Comunidades de Montes. Nada que obxectar. Apoiamos as súas reivindicacións en contra da nova Lei de Montes que tantos atrancos pon e que, tamén lles crea grandes problemas para subsistir como tales. Faríanos falla moito tempo para analizar ese tema, que noutro intre tamén tocaremos, pois afecta moi directamente a outro patrimonio singular dos galegos que non debemos perder. As Comunidades de Montes teñen todo o dereito do mundo a mandar nas súas terras, mais tamén non deben esquecer que teñen certas obrigas derivadas da súa propia natureza e que nalgúns casos están perdendo. Estamos nun mundo que sufre grandes transformacións en pouco tempo e é necesario un tempo de adaptación para todos que, as veces, leva a pequenos erros e disfuncións que coidamos entre todos temos que axudar a correxir. Só dicir agora que a ecoloxía forma parte do monte como algo inmaterial que está presente e que se debe ter en conta en calquera actividade que se realice nos mesmos. Á fauna débeselle unha protección e un coidado que non se pode esquecer e que debe ser compatible con calquera outra actividade que se faga no monte, sexa produtiva ou non. Tamén a historia e necesaria para ver e saber como o monte e o seu uso mantivo un equilibrio coa natureza, moi necesario para a propia subsistencia de todos.
Estamos pois ante un conflito de intereses que pode levar a situacións paradóxicas e a enfrontamentos non desaxados, para o cal é necesario, máis que nunca, o entendemento e o diálogo, sempre cos referentes do pasado e a defensa da biodiversidade. Queremos dicir con todo esto que non se pode deixar na man dun só ente, sexa comunidade de montes, asociación de propietarios de cabalos, empresa, etc, o destino e fin dos nosos cabalos salvaxes. Non se pode lexislar dicindo que os propietarios dos terreos (entendamos montes, e máis concretamente CMVMC) van a decidir si hai cabalos salvaxes nos seus montes, se sempre os houbo e viviron aí milleiros de anos. Podese dar o paradoxo de que unha Comunidade de Montes decida que no quere cabalos porque quere plantar piñeiros en todo o monte, ou outra árbore, ou calquera outra actividade; a Comunidade de Montes lindante non pon peros e máis outra si. Os montes necesitarían milleiros de metros de valados e arames para coutar o que nunca estivo coutado, póndelle portas ao monte e deixando sen espazo vital aos cabalos. Os cabalos salvaxes non saben de demarcacións e fronteiras, e pasan perante o ano dunhas comunidades a outras polos espazos naturais nos que sempre vivíron. Coutarllos sen outra razón máis que a da propiedade “privada”, esquecendo a historia e o propio dereito natural que, como animal salvaxe teñen, sería facelos desaparecer como animais salvaxes singulares, e/ou reconvertilos en animais domesticos ceibes, acoutados en rexime extensivo en lugares moi concretos.
Neste parágrafo tamén se fala de os gandeiros que as usan ou pretenden utilizar referíndose ás terras onde viven estes cabalos. Os propietarios de cabalos salvaxes non son gandeiros, nin os cabalos salvaxes son gando. Por todo o que levamos dito, non podemos aceptar que se denominen como gandeiros aos propietarios dos cabalos salvaxes que temos nos montes do Val Miñor. Non hai interese económico primordial, non hai comercio como tal, non hai beneficio económico algún por ter animais no monte. Como exemplo dicir que estáse pagando por un poldro entre 20 e 40 €; por unha femia fertíl, de 100 a 150 €, e por un animal adulto para o matodoiro 50 a 100 €. Esto o ano pasado, cando aínda había esperanzas en arranxar o problema do microchip e seguir co sistema tradicional. Asemade, cada propietario ten que pagar un seguro polos animais que ten rexistrados na asociación ou curro, e máis unha cota de socio para o mantemento da mesma. Os seguros son cada día máis caros e as compañías aseguradoras poñen atrancos para asegurar os cabalos e obrigan a facer outros seguros ligados aos dos cabalos (seguros de fogar, coches, etc). Asemade habería que engadir o prezo do microchip Supon hoxe ser propietario de cabalos salvaxes, facer un desembolso de diñeiro que non se recupera de nengún xeito, e asumir os riscos de que as compañías aseguradoras non se fagan cargo, as veces, das denuncias cando ocurre algún accidente. Caso no que o conxunto de propietarios solidariamente se ten feito cargo dos custes. E estamos a falar de casos reais que se teñen dado na serra da Groba.
Temos unha grande inseguridade e falla de apoio, sumado a toda a responsabilidade que se asume por manter unha tradición e unha costume que mudou co tempo, mais que grazas ao esforzo destes, -para a Xunta de Galicia-, gandeiros, se mantén viva e se tenta legar ás xeracións vindeiras.
Non estamos a falar de gandeiros. Non estamos entre tratantes ou comerciantes de gando. Non son os cabalos salvaxes gando e como tales hai que diferencialos e por eso non nos vale o Decreto Equino da Xunta que está feito para outro tipo de animais e circunstancias, alleas totalmente a dos cabalos salvaxes, garranos ou burras do monte, protagonístas do noso patrimonio inmaterial da festa dos curros e as rapas.
É necesario un regulamento especial, que teña en conta todas as consideracións que tratamos neste artigo, e que protexa un patrimonio único que desaparecera axiña se non facemos algo entre todos para que non ocurra.
Nos curros do ano pasado vendéronse para o matadoiro o 20% dos animais que entraron neles. Déronse de baixa como propietarios nas asociacións e quedaron sen dono os marcos de moitas familias que tiñan dende hai centos de anos. Esas perdas, como o único exemplar de planta ou tartaruga que morre nalgún lugar do mundo, non se poderán recuperar. Cada día perdemos biodiversidade e culturas milenarias que nos empobrecen a todos algo máis. Non podemos ficar quedos ante estes feitos que se están a dar ao noso carón. A Xunta de Galicia ten que escoitarnos e axudarnos a pórlle remedio a algo que está nas sús mans. Nos brindamos o noso apoio e traballo para conquerir consensos e buscar as canles de comunicación necesarias entre as partes do mundo científico, propietarios, comunidades de montes, asociacións ecoloxístas e administracións para que non teñamos que laiarnos en pouco tempo da perda anunciada.
Este ano non houbo curros, por primeira vez na historia coñecida, no Val Miñor en primaveira nen os vai haber neste verán. Agardamos que non se repita o ano que ven, e que non morra a esperanza que temos na solución do problema. Por eso traballaremos arreo e pedimos a solidaridade de toda a xente de ben.
Agardamos que este pequeno contributo axude a entender o problema e aclare dúbidas a quen as tivera.
Xullo de 2012.

S.O.S. GROBA
Pola proteción do noso patrimonio Natural e Cultural

Ningún comentario:

Publicar un comentario