martes, 5 de febreiro de 2013

TRISTE INCIDENTE

NOVAS NA PRENSA



Herido muy grave un joven panadero de Pazos al chocar su furgoneta contra un caballo salvaje

El conductor, de 19 años, fue ingresado en la UCI del Hospital Xeral - La yegua, que estaba preñada, falleció con su cría - Vecinos y comuneros instan medidas contra el ganado salvaje


http://www.farodevigo.es/sucesos/2013/02/05/herido-grave-joven-panadero-pazos-chocar-furgoneta-caballo-salvaje/752382.html

Por desgracia segue  a haber accidentes con animais salvaxes. Cando ocurre cun cabalo os adxectivos e comentarios son sempre os mesmos, mesturando emocións nas reaccións lóxicas e esquecendo parte dos motivos, culpando sempre aos cabalos salvaxes e aos seus propietarios, cando os teñen.
É evidente que un accidente con feridos, sexan estes graves ou non, é algo que ninguén desexa, e por descontado, desexamos que neste caso se recupere o mozo accidentado. Aínda que non houbera feridos, sería igualmente unha desgraza o accidente, aínda que as reaccións non serían as mesmas. Sería bo que fagamos un exercicio de reflexión do por qué de estes accidentes/incidentes e que é o que deberíamos facer para tentar evitalos ou para que , no caso de darse, fosen o menos traumáticos posibles.
     Primeiro dicir que consideramos moi dificil o evitar os accidentes cos animais salvaxes, e os cabalos sono. Tamén o son os xabaríns, corzos, raposos, lobos, ourizos, lontras, visons, teixugos, gatos, sapos, píntegas, cobras,  etc. Nomeamos estes por ser algúns dos animais que estamos afeitos a ver nas beiras das estradas e das autovías. Que pasa cando atropelamos a unha raposa ou a un ourizo? Pois que na maioría dos casos o único que resulta danado é o animal e seguimos a nosa marcha sen máis, e o pobre animal que tivo a mala fortuna de se atopar con nós, fica alí morto ou ferido, sendo en pouco tempo carniza para as rapinas. Non nos paramos a facer moitas consideracións e, dado que non houbo consecuencias para o noso coche e nos mesmos, seguimos a marcha esquecendo axiña o incidente que non chegou a se converter en accidente.
A fauna salvaxe ten os seus corredores naturais e os ciclos vitais moi marcados pola climatoloxía  e a estación do ano. Somo nós os que na maioría dos casos, con un abuso flagrante desprezamos eses ciclos e a súa propia vida, e invadimos sen nengún tipo de respecto o seu habitat. Somos nós os que non respectamos os sinais de fauna salvaxe, ( cando os hai) nen de limitación de velocidade, nin as propias condicións das vía pola que transitamos, e desprezamos todo canto non sexa parte dos nosos códigos vitais ata que ocurre un accidente ou incidente, e é entón cando lembramos que nós tamén somos vulnerables e que esa superioridade que supomos ter neste mundo, se troca por accidentes que lamentamos botándolle a culpa sempre a alguén que non sexamos nós. Ao concello, a obras públicas, á Xunta, ao veciño, á néboa, ao xeo, á chuvia, á presa ou ao coche. Nos case nunca, ou só ao final de todo, somos culpables dos accidentes.
Mais, se analizamos obxectivamente dende  fora as posibles causas e as circunstancias, tendo en conta por exemplo as seguientes :
 nivel de luz, estado do firme  da calzada, estrada mollada, sinalización existente, velocidade, limpeza dos marxes da estrada, lugar polo que pasamos, distancia de visibilidade xeral, curvas, se é vía urbana ou está  rodeada de monte etc. Se asemade, atravesamos un lugar no que sabemos da existencia de animais salvaxes regularmente, que eles si viven aí, están neses lugares  dende tempos inmemoriais, antes de que houbera estradas, camiños ou pistas para vehículos a motor. As posibilidades de incidentes e accidentes son moitas e algo deberíamos facer todos para tentar evitalas. No caso concreto dos cabalos, se analizamos obxetivamente os casos que se dan  periodicamente ( como os que se dan con  outros animais pero que se mencionan menos) atoparíamonos con unha casuística que non se soluciona culpando ao animal ou ao propietario, teña ou non propietario, este é un tema que non influe no posibilidade do accidente e que é secundario, aínda que haxa que consideralo polas consecuencias de responsabilidades , das que teríamos moito que falar..
Os comentarios despois dun accidente con cabalos son sempre os mesmos, e a culpa sempre é do cabalo e do propietario- si o ten-. As solución que se argumentan e se publicitan na prensa son sempre as mesmas. que o animal esté identificado, é dicir que se saiba de quen é para reclamarlle ao dono os danos, culpando de entrada ao cabalo do accidente, por estar ceibo, vivír no monte e atreverse a transitar pola estrada sen ter matricula nen ser un vehículo identificado,  ou sen luces de posición. Descúlpenme a ironía, mais a realidade ven sendo algo parecido ao esperpento descrito, con permiso de don Ramón María, e falla moita racionalidade e sentidiño, e sempre tentamos buscar solución indo pola vía do meio, coa nosa superioridade abafante de depredadores irrespetuosos.
Hai que pórlle un microchip aos cabalos do monte, aos salvaxes ( e aos raposos, corzos, xabaríns, lobos...) pois son unha fonte de accidentes nas estradas con consecuencias graves, como estamos a ver. Hai que esixirlle aos propietarios que coiden deles como se fosen vacas ou cabras, e se fagan cargo deles.
Efectivamente, alguén debe coidar de que non se produzan danos, e sobor de doto nas persoas, estamos de acordo. Mais, por favor, reflexionemos sobre o que neste escrito temos dito e non cheguemos a conclusións erróneas, sen analizar todo e sen deixarnos ir pola vía do meio, máis rapida pero seguramente tamén máis inxusta . Se o cabalo tivera o microchip posto, -que non o sabemos- , ou se tivera o permiso da comunidade de montes do lugar para deambular por alí, preguntémonos:  o accidente daríase igual ou evitaríase? Creo que a contestación máis facíl é a seguinte: se non houbera cabalos no monte non habería accidentes contra eles ( e lobos, xabaríns, corzos, ourizos, raposos...). Non queremos cabalos no monte, non queremos lume no verán, non queremos que o mato chegue ás casas, que se pechen  os camiños co toxo e as silvas, que chova o día da festa, etc.
Conclusión: temos que recobrar o sentido común, non esquecer de onde vimos, quen somos e a onde queremos ir. En que país vivímos, en que lugar, que territorio e que é o que esperamos do futuro se seguimos a tratar a natureza e o medio como se fosemos os únicos que viven nel e que teñen dereitos. A convivencia é necesaria e hai solución para paliar os incidentes que se poidan dar,  pero, sempre respectando  o medio natural, a biodiversidade e o equilibrio que nos mesmos rompemos a cotío coas nosas accións. Os cabalos salvaxes teñen os seus dereitos, coma nós, e poden convivir no noso medio - no seu medio-  tendo en conta unhas cantas precaucións que na maioría dos accidentes non se dan. Aí está o problema e ao mesmo tempo a desgraza.
E para rematar unha reflexión cara ao tempo que ven da primaveira: Quen coida dos dereitos dos ourizos cachos, das píntegas e sapos que a milleiros morren nas estradas, chegado o intre da súa reprodución?

   

Ningún comentario:

Publicar un comentario