sábado, 20 de abril de 2013

DIÁLOGO COA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL


Onte estivemos en Santiago nunha reunión coa Conselleira do Medio Rural  Rosa Quintana  e coa  Directora Xeral de Produción Agropecuaria Patricia Ulloa Alonso varios colectivos, en representación de outros moitos que apoian as reivindicacións que lle espuxemos a conselleira e á directora xeral.
O motivo da reunión era ofrecer a nosa colaboración, para tentar entre as partes afectadas, buscar unha solución  para os problemas que se producen cos cabalos salvaxes, a imposibilidade de cumprir co Decreto Equino e o perigoso descenso e baixas que se está dando no número de animais en moitas zonas do país. Falamos dos problemas que se xeran, do decreto e da realidade complexa do mundo dos cabalos salvaxes; da riqueza que supón para Galicia ter un patrimonio único no mundo,  que é a existencia de cabalos salvaxes ou garranos, que teñen unha orixe milenaria e que son a única especie de equs en liberdade que ten vivído ininterrumpidamente nese estado no mundo. Do seu grande valor ecolóxico e cultural e das posibilidades que teñen para atraer turísmo e posibilitar que lugares do noso país,  que están sendo despoboados, conserven certos valores que lles poidan axudar a xerar recursos por varias vías, basicamente polos beneficios culturais e ecolóxicos máis que polos de comercialización  que non teñen case valor nen importancia real, a pesares de que tamén se poidan dar no futuro.
Ofrecemos, como o vimos facendo dende hai tempo, diálogo e colaboración para buscar solucións, deixando liortas e diferenzas a un lado, tentando buscar consensos que nos aporten a todos solucións acaídas. A nosa proposta básica segue a ser a de crear unha figura, un regulamento específico para os garranos ou cabalos salvaxes galegos, na que se recollan as tradicións, os valores, os manexos e todos os intereses que se poidan dar para regulalos, tendo man de que nadie salga perxudicado e ese grande tesouro que son os garranos e a cultura dos curros se poida manter e , incluso, potenciar cara as xeracións futuras.
Propoñemos tamén que se de a coñecer fóra das nosas fronteiras, por todo o mundo esa singularidade dos nosos cabalos que sendo salvaxes teñen dono ( algo que non todo o mundo entende nin é facil de comprender si non se explica ben) e que é a orixe e causa de que aínda se conserven e non se extinguiran. A necesidade de que non se rompa o elo transmisor da cadea de herdanza  familiar, de pais a fillos, dunha tradición milenaria que mantén viva a festa dos curros, singular e múltiple, que se da por toda Galicia , e que forma parte dun rico patrimonio etnográfico en perigo de extinción. Necesitamos que a xente que sempre mantivo os garranos no monte, siga a telos e non se desfaga deles como está a facer, para que  siga adiante a transmisión patrimonial ancestral.
Estamos de acordo coa conselleira de que é necesario un control dos animais, de que haxa responsables cando se producen incidentes e de que estén tódolos animais identificados. De que cando entran nas canles comerciais e/ou alimenticias, necesitase a súa identificación legal para seguir a súa trazabilidade. Tamén  lle propuxemos o compromiso das asociacións presentes de responsabiizarnos do control dos animais das nosas zonas e de cumprir estritamente coa identificación dos animais e dos propietarios, como xa o vimos facendo dende hai tempo, e de que ese pode ser o modelo a seguir para todo o país.
Esperanza. Temos esperanza en que o diálogo continúe e entre todos poidamos chegar a acordos frutíferos que coidamos xa están encamiñados se seguimos a falar e a colaborar.
Polo ben de todos, agardamos poder dar en poucos días novas relacionadas nas que  xa haxa acordos que nos satisfagan a todos e que, sobor de todo, manteñan esperanza para os miles de cabalos e propietarios que aínda quedan,  e que esperamos se multipliquen e deixen de descender perigosamente por todo o país.
Na xuntanza estivemos en representación de varios colectivos e asociacións as seguintes persoas:
Pola Asociación Cabalar de Sabucedo, Iván Sanmartín, pola da Serra da Groba Modesto Dominguez e Javier Álvarez Blázquez, pola da Serra do Acibal Luís Calvo, pola Asociación Lobo Santiago Bas e pola de SOS Groba Xilberte Manso.
Deixamos a entrega de sinaturas reivindicativas para outro momento posterior, dado que estamos nunha fase de buscar consensos e solucións e non de medir ou pór forzas enfrontadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario