martes, 7 de xullo de 2015

MUÍÑO DO PORTO DO MOLLE. O DESLEIXO DO NOSO PATRIMONIO


Tivemos oportunidade de visitar este importante muíño estes días, co gallo da visita que o IEM organizou nuha nova tempada de xeiras de verán. Unha vez máis, poidemos comprobar como as administracións que teñen que velar e coidar o noso patrimonio (este muíño forma parte do patrimonio etnográfico e cultural de Nigrán) non fan nada por coidalo, ou o que é pior, aínda fan que o seu deterioro se acelere con actuacións non axeitadas.
O IEM ten feito máis xeiras polo chamado río Muíños (iste é un dos varios nomes que ten este pequeno e importante río de Nigrán ao longo do seu curso) e sempre procura ensinar aos visitantes o patrimonio natural e cultural de este fermoso espazo, hoxe moi deteriorado e atacado pola presión das construccións e os impactos das intervencións nas súas beiras. O nome do río, Muíños,  ten que ver con  esta industría  de moer que está aí dende hai séculos, cando non había moitas máis en todo o concello, e xa moían para os veciños e veciñas por un prezo pagado en maquías, que redundaba en beneficio dos seus donos e os muíñeiros que facían o seu labor. Este muíño en particular, o do Porto do Molle, ten ademais do interese etnográfico, un interese arquitectónico, o ter tres móas e unha arquitectura popular moi interesante,  ao ser muíño e vivenda no mesmo edificio, e ter tres arcos no inferno, en cadansúa saída da auga para o río, despois de ter movido as penlas do rodicio. Ten tamén a súa importancia por ser unha das poucas testemuñas que seguen en pé dun patrimonio ligado ao río e a auga moi singulares, e que nesta zona foi a distribución da auga para regar, mediante a construción das chamadas "albercas", que eran  unhas presas que gardaban a auga ata que ía rebordando para atrás, regando os campos por uns regos que ían inundando os campos nunha grande extensión de terra, e seguindo uns patróns de reparto de dereito de auga singulares. Hai un traballo pendente de publicar feito por Xosé Lois Vilar, no que se recolle a toponimia do lugar, co nome dos regos e albercas que os veciños usaron durante séculos para aproveitar esas augas, e que ten un grande valor etnográfico, dado que hoxe, pola construción da zona industrial por parte da Zona Franca de Vigo, xa desaparreceron.
Este muíño, se non estamos mal informados, tiña que ser restaurado pola Zona Franca. Nos orzamentos do concello de Nigrán, falábase aló por maio do 2013, de obras comprometidas entre as que se atopaba a restauración deste muíño.
Tamén por abril de 2011, cando andivemos por alí, recollendo toponimia con Xosé Lois Vilar, poidemos ver o estado do muíño e a contorna. Aínda poidemos tirar algunhas fotos e ver a levada, singular pola súa construción e tamaño.

Na visita que fixemos no verán do 2011co IEM, poidemos ver o muíño e as súas construcións anexas. Poidemos comprobar a limpeza da vexetación e o muro de mampostería con pedra de granito do Porriño, que consideramos non é a acaída para este lugar, dado que estamos a falar dun ben patrimonial coa súa singularidade e que ten que ter os coidados nass intervencións, quese teñen con outros bens de interese cultural.


 Todos este sinais, chegados e a este punto, amósannos o desprezo que se ten polo patrimonio e o pouco o nulo caso que lle prestan quenes tiñan que prestarllo. Despois escoitamos a políticos e adminsitradores (Zona Franca) falar de economía, de patrimonio, de creación de riqueza e postos de traballo etc. A noso entender, todo iso é moi importante, e maís nestes tempos de crise, por iso se deben levar a cabo actuacións racionais optimizando recursos e aproveitandoos. O patrimonio é unha das primeiras fontes de recursos que pode xerar postos de traballo e valor engadido. Hai que saber velo, e facer que a súa posta en valor sexa un atractivo para o concello que dinamice sectores como o comercio, o turísmo, a restauración e a cultura. Un concello como o de Nigrán precisa pór en armonía e comunicación todos os seus sectores productivos para facer que a xente non teña traballo só os meses de verán, ou teña que emigrar. a cultura e o patrimonio son en moitos lugares de Europa a súa mellor fonte de recursos laborais. Nos temos os recursos, Agora ben, temos que aprender dunha vez a usalos e explotalos, primeiramente valorandoos e coidandoos, e despois, aproveitalos para xerar riqueza todo o ano. Unha riqueza que ten que ser material e cultural, sen desprezar a nengunha das dúas.
Sirva este apuntamento neste blog de ecoloxía e defensa do patrimonio do Val Miñor e contorna, para denunciar o estado de este muíño e o desprezo que ate o de agora lle levan feito Zona Franca e concello de Nigrán, e que repartan a culpa aqueles que a teñan. Agardamos que novos tempos no concello de Nigrán e na política en xeral do país, traian a restauración e coidado do noso patrimonio natural e cultural, podendo comenzar en Nigrán por este muíño que xa tiña que estar restaurado.
A, e que fagan as cousas ben e con sentidiño. Que pregunten a quen sabe e se asesoren antes de facer obras irreversibles.

Pola nosa parte, sempre dispostos a axudar e a denunciar , si fose necesario. agardemos que non.

Sería moi urxente cortar a grande  acacia negra que está a estragar a levada coas raices. Por outra parte é unha especie invasora e está fora de lugar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario