domingo, 5 de febreiro de 2017

AS VACAS NOS MONTES DE BAÍÑA E A SUSTENTABILIDADE



AS VACAS NOS MONTES DE BAÍÑA E A SUSTENTABILIDADE

Apareceu estes días na prensa e nas redes sociais a queixa dunha gandeira que di que ten que sacrificar as súas vacas por que a Comunidade de montes de Baíña non lle dá permiso para telas no seu monte.
Seica andan en litixio dende hai tempo e o que parece un paradoxo non se explica moi ben ou coa clareza que merece. Cada quen defende os seus intereses e fala da feira segundo lle convén.
Non somos nós quen para mediar nin para meternos onde non nos chaman, mais si consideramos que podemos dar unha opinión baseada en feitos contrastados ao longo dos últimos anos.
Vaia por diante que nós defendemos o uso multifuncional do monte, e que nos parece que as vacas, fan e poden facer que o monte sexa máis rendible, fixen poboación no rural e axuden a manter os nosos montes libres de lumes e de eucaliptos. Mais todo isto ten que estar ordeado e buscando un equilibrio que manteña os outros usos e a convivencia de especies de flora e fauna, nun balance ecolóxico positivo.
Neste caso, polo que sabemos, hai un abuso por parte da gandeira, ao considerar o monte coma seu, e ter unha explotación de vacas en extensivo en terreos da comunidade de montes sen o permiso da mesma e , segundo a nosa opinión, non cumprindo cos criterios de sustentabilidade, ao ser un número moi elevado de vacas nun espazo que non está preparado para mantelas. Que nós saibamos, a gandeira non posee as hectáreas de terra que se esixen para ter esas vacas, e non pode dicir que todo o monte e dela , aínda que fose comuneira, ( que non o é) sería unha máis, e por esa regra de tres cada veciño comuneiro poderia pedir o mesmo e converter todo o monte de Baíña e os das parroquias lindantes ( as vacas non coñecen fronteiras nen están pechadas nun cerdado ou valado que só sexa de Baíña) nun ermo sobreexplotado. De feito só hai que ir polo monte e ver como está ese gando e onde está en cada época do ano. Consideramos que se está sobreexplotando o monte ao non haber pasteiros suficientes nesa zona para tanto gando ( non só hai gando desta persoa, hai máis gandeiros e maís vacas).
Gustarianos que na prensa saísen novas sobre proxectos con futuro e de convivencia pacífica entre comuneiros, gandeiros e a xente que vive e ama o monte. Que unha persoa xove viva das vacas e queira vivir no monte, sería unha boa nova e debería ser apoiada por todos. Mais non por ser nova e muller, querer vivir no monte e ter vacas lle dá dereito a facer o que queira nun monte que non é seu, e aínda que o fora tampouco.
Gustaríanos que os problemas se arranxaran falando , sen necesidade de ir á xustiza e que prevalecese a racionalidade e o entendemento, que se buscasen solucions boas para todos e que todo o mundo entendese que non se pode abusar da natureza.
Outra historia sería onde está esa casa e cando e como se fixo, os permisos que tiña ou ten e cando e como lle foron dados, a ubicación, as dimensións e os usos do solo, os verquidos, as augas residuais, e as augas que baixan para o encoro de Baíña, sen entrar nós en outros temas que a Comunidade de Montes denuncia e que nos parece lexítimo que o faga se así o considera.
Reiteramos, é unha mágoa que o monte siga a ser motivo de polémica e non se acaden acordos que axuden a un desenrolo sostible, mais non todo cabe argumentando só o que a un lle convén sen ver máis alá que uns intereses particulares que nós consideramos non lexítimos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario