segunda-feira, 3 de abril de 2017

FAUNA DA SERRA DA GROBA

Chegou a primavera e a natureza vizosa da Groba comeza a amosarse na flora e no bulir da fauna. Xa están aí os primeiros exemplares de garranos deste ano. No segundo domingo de maio será o primeiro curro na Valga. Por aí comezan os nacementos dos poldros que nuns días, trotarán pegados as súas nais entre as toxeiras. Os paxaros andan aniñando e cos ritos nupciais  amosando unha algarabía  de trinos, e xa se escoitou o canto do cuco entre os piñeirais.
Os pequenos mamíferos bulen, cazapos, lebratos, e os ratos son os primeiros en amosar a sua prole, adiantada a de outros que virán máis tarde.
Os ourizos cacheiros xa aparecen tristemente esmagados nas pistas e nas estradas. Os coches están ocupando os espazos de transito destes  pequenos mamiferos que andan na percura de  novos territorios e de comida. Este que amosamos na foto salvouse por pouco. Pasou por diante do noso coche paseniño no seu deambular e vímolo a tempo para frear e agardar a que cruzara. Xa na beira da estrada poidemos fotografalo encollido, protexendose da nosa impertinencia coas súas pugas . Sentimos molestalo un intre par facerlle a foto.Foise de vagar por entre a herba na busca dun agocho ou de soborosas miñocas para comer.



 O que non tivo tanta sorte foi o teixugo. Atopámolo morto na beira da estrada, perto da regueira da Acibñeira. As moscas facían o seu traballo e xa outro depredador lle comera as orellas.
Non son moitos os teixugos que temos visto na Groba , aínda que si se atopen nos relatos dos paisanos e na propia toponimia. Mágoa de velo morto.
Dentro duns dias serán as píntigas e os sapos os que se verán coma calcamonías pegados ao piche. Van desovar as pozas e charcas e cruzan ás noites as estradas. Aledaríanos moito que cando imos por as pistas e as estradas da serra, non se víran moitos animais mortos. Igual que hai sinais que avisan de presenza de vacas e garranos, debería haber sinais que avisasen do paso de anfibios e pequenos animais.
Por eso  pedimos que se vaia a modo e se respecten tamén os pequenos bichos que forman parte da fauna da Groba.



Sem comentários:

Enviar um comentário