mércores, 11 de marzo de 2020

GRACIAS COMUNIDADE DE MONTES DE MONTEFERRO POR DESEUCALIPTAR O MONTE


GRACIAS COMUNIDADE DE MONTES DE MONTEFERRO POR DESEUCALIPTAR O MONTE
Estes días está saíndo na prensa e en redes sociais unha alarma pola tala que a Comunidade de Montes de Monteferro está a facer na cara sur do monte e que, como toda a península de Monteferro, é visible dende lonxe . Esa alarma segundo as novas  é porque se esta talando o monte a matarrasa nunha área dunhas catro hectareas nas que había eucaliptos e acacias negras. Hai un feixe de leis que se poden nomear nas que habería algún tipo de competencia no tema:
.  Lei 10/1995, de Ordenación do Territorio de Galicia (um 2018)
.  Lei 2/2016, do Solo de Galicia (um 2019) e o seu Regulamento (Decreto 146/2016) (um 2019)
.  Lei 22/1988, de Costas (um 2015) e o seu Regulamento Xeral (RD 816/2014) (um 2017) - (ES)
.  Lei 7/2017, de Montes de Galicia (um 2019).
.  Lei 3/2007, de Incendios Forestais de Galicia (um 2019.12.27).
. Lei 7/2008, de Protección da Paisaxe de Galicia (um 2019)
.  Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia (um 2019)
.  Lei 5/2019, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia (um 2019)
.  Lei 1/1995, de Protección Ambiental de Galicia (um 2019)
.  Lei 21/2013, de Avaliación Ambiental (um 2018) - (ES)
e algunha máis que seguro se nos esquece.

Sendo isto verdade temos que dicir que Monteferro é un lugar especial para os habitantes do Val de Miñor e mesmo para a toda a ría de Vigo, por estar na boca de entrada da ría, e nomeadamente para os veciños do concello de Nigrán e particularmente para os  de Panxón, lexitimos donos do monte. Estes veciños,como noutras parroquias de Nigrán e do país, teñen o monte en propiedade e xestionado por unha comunidade de montes que se rexe por unha xunta directiva . Non é descoñecido para os veciños e o público en xeral a historia recente do monte e a grande conflitividade que existiu pola mala xestión e o conflito de intereses entre comuneiros e veciños da contorna que temos e tiñamos unha visión distinta sobre os usos do monte ea propia xestión. Había quen quería urbanizar todo o monte, construir un hotel, cafetería, asfaltado de pistas, etc. Coa  mobilización da xente, as protestas e as denuncias, nomeadamente de Salvemos Monteferro ( que naceu para o que seu nome indica) conseguíuse parar esa desfeita pero non outras, como a da urbanización da cara leste, a perda dun xacemento romano interesantísimo e outras que sería longo numerar.
Monteferro é un espazo que ten un encanto especial pola súa ubicación. Ten un grande interese xeoloxíco , paisaxístico e histórico. O interese natural está ligado o mar e a súa continuídade coas illas Estelas,  a flora mariña e costeira autóctona, e a fauna que pode albergar estacionalmente e a que subsiste a pesar da presión antrópica.



Foi fonte de recursos para os veciños de Panxón, fornecendo de toxo e pouca madeira as cortes, campos e cociñas das casas mariñeiras e labregas dun Panxón máis ligado á terra e o mar , antes de que chegasen os turístas. Forneceu tamén de pedra e area os veciños que  facían as súas casas na contorna, e mesmo foi explotada insdustrialmente a área que se vendía para limpar  as cociñas de ferro con aquelas pedras de lavar que os que somos máis vellos aínda lembramos nas mans das nosas nais e avoas,   que nos mandaban a tenda a mercar cos estropallos de esparto. Da praia de Arribas Brancas saía esa area.  Hai canteiras coma fendas no terreo das que se sacou lousa, cantos  das praias e pedras de cuarzo e do pouco granito que hai no solpor da península. Foi e é lugar de homenaxe aos homes do mar co  monumento, obra de Gómez Román,
   á Mariña Universal que se divisaba ao entrar e saír da ría de Vigo en barco, xa fora para emigración, xa  para o traballo cotián nas gamelas e barcos da baixura. Chegou  a ter un campo de traballo forzado na posguerra, con militares e civis traballando na construcción da estrada que sube ata o monumento.  Construíuse unha batería militar de defensa da ría e instalaronse canóns de longo alcance. E co tempo o monte volveu as mans dos seus lexítimos propietarios, os veciños, e todo o que nel hai. Polo camiño perdeuse parte do monte que se privatizou e que cando na ditadura non se podía protestar moito,  xente con poder e poucos escrúpulos foi acoutando e poñendo a seu nome . Perdeuse tamé, en parte,  a flora autóctona e o eucalipto e a acacia foron colonizando o monte. Con este crecemento xeralizado dos eucaliptos e das acacias,  tamén se perdeu parte da visión do monumento e do propio perfil do monte que mudou no que hoxe coñecemos, mais que fai non hai moitos anos era distinto. Están aí moitas fotos vellas para testemuñar ese vello perfil da península de Monteferro.


Hoxe temos un monte cheo de eucaliptos,  acacias  e algúns piñeiros (cada vez menos), que chegan a beira do mar e os cantís. Temos unha comunidade de Montes que ten unha herdanza do que se fixo mal nas anteriores épocas  e que ten unha obrigas para manter o monte dos veciños.  Entre as herdanza está esa mole  de edificio horroroso ilegal que non é nin economicamente nin  urbanisticamente sustentable, e temos unha cidadanía que ve o Monteferro verde e un  lugar onde o mar e a posta do sol son un tesouro regalado para todos.

Xa é hora  de que nos poñamos todas e todos de acordo,  e si queremos conservar  o que lle queda de natural a Monteferro e os seus outros valores tan apreciados , fagamos algo que ata o de agora non se fixo e nos poñamos a traballar xuntos para acadar un Monteferro que sexa a icona do Val de Miñor e o orgullo de todos os veciños de Nigrán.
Dende hai dous anos, cando padecimos ese terrible andazo dos lumes  que arrasou os montes da contorna, moitas e moitos comezamos unha batalla para deseucaliptar os montes e serras miñoráns e de Vigo. Monteferro no ardeu,  pero non se libra da praga invasora . Que se corten eucaliptos e acacias e se limpe o monte non nos parece mal. Como xa dixemos están xa nos cantís e case nas praias. Non nos pareceu ben antes nin nos parece agora a súa presenza en Monteferro.  Eliminalos e sustituílos por outra árbores sería o ideal a conquerir. O xeito de facelo e os tempos terían que estar marcados por un Plan Xeral de Sostenibilidade de Monteferro que habería que desenrolar colaborativamente entre os lexímos propietarios do monte, representados pola Comunidade de Montes, o Concello de Nigrán e os outros veciños representados polas organizacións  culturais, medioambientais e ecoloxístas.

Non podemos esquecer a realidade nin a historia, mais temos que avanzar e usar ese coñecemento para buscar solucións sen deixarnos levar pola paixón ou o interese partidario ou persoal. Monteferro sen eucaliptos e acacias seguro que nos chocaría na imaxe que temos del, pero só temos que ver as fotos vellas e decatarnos de que seguiría sendo belo. Monteferro con outras árbores frondosas, paseos para camiñar e ver o mar e as postas de sol gozando da paisaxe sería aínda máis fermoso.  Para chegar ata aí hai que ser conscientes da realidade e de que o monte ten donos e que estes teñen unha necesidades e obrigas, tamén uns dereitos. Se queremos que o monte sexa de todas e todos para o seu uso e goce temos que acadar uns consensos nos que todos se sintan satisfeitos e sobor de todo, ver mundo, moito mundo. Hai exemplo maravillosos no veciño Portugal e noutras comunidades veciñas , nas que se conxugan todos ese intereses e se aproveitan os valores engadidos para o turísmo, veciños e propietarios, armonizando os intereses e traballando en proxectos comúns.

Que se talen eucaliptos en Monteferro debería aledarnos a todos. O primeiro paso sería aplaudir a erradicación do eucalipto . O seguinte paso sería ofrecer axuda para que sexa sustituído por outras especies autóctonas dun xeito ordenado. Sendo realistas sabemos que a Comunidade de Montes se non ten axudas non o vai facer soa. Necesita vender árbores para xerar recursos para manter os seus gastos. Polo tanto non vai querer erradicar os eucaliptos e acacias, agás que teña algún xeito de compensación ou proxecto que lle cubra as necesidades de hoxe,;  as de mañán terían que estar nese Plan de Sostenibilidade e non nas do Plan de Xestión ou Ordenación a que lle obriga a lei.
Agora toca empezar a traballar e a falar.  Nós propomos diálogo e colaboración.  A partires de aí, todo se andará.
SOS GROBA
Nigrán, 11 de marzo de 2020



Ningún comentario:

Publicar un comentario