luns, 7 de abril de 2008

TOMANDO MEDIDAS



Seica andan tomando medidas da forza do vento moi pertiño da Groba. Hai que explorar tódolos posibles emprazamentos para novos muíños de vento. A tarta está aí para ser repartida é o que non teña os deberes feitos non lle vai tocar nada.

Neste caso esta torre de medición da forza do vento está situada nos altos de Gondomar, nun punto dos montes da parroquia de Couso que se mete case ata a Portavedra. Tamén lle chaman o alto de Piquetes. Aí, como vedes, hai unha caseta forestal e uns petroglifos que no apuntamento de onte púñamos como en perigo inminente. Para montar esa torre fíxose unha base de formigón e movéronse varios outeiros que alí había. Tiñan permiso para facer esa obra? Consultáron con alguén se o patrimonio catalogado que se atopa a menos de 15 metros do lugar se ve afectado?. Parece ser que non, pois a distancia que marca a lei neste caso non se cumpriú e, asemade, case se estraga parte do patrimonio que está alí. Ese patrimonio non son as cruces gravadas ao lado do marco, é algo que está alí e que o que deu permiso para pór a torre desprezou ou ignorou. Que pregunte que é o que hai alí, que está catalogado e ten protección. E, tamén de paso que diga cando e quen lle deu o "permiso" para pór no monte case enriba dun elemento protexido, esa torre.

Si o monte só vale para que cada un faga o que lle peta cando quere desprezando a lei e o patrimonio, mal imos. Si só vemos diñeiro que ven voando e que, non se sabe si tamén , voando se vai, coido que necesitamos ir ao oftalmólogo. Hános prescribir uns lentes especiais para ver mellor e valorar o que valen as cousas. Nin os nosos devanceiros nin as xeracións futuras merecen tanto desleixo e desprezo co noso patrimonio.

Loxicamente, como diciamos no titúlo da entrada, efectivamente haberá que tomar medidas.

1 comentario:

  1. Esa torre creo que se puxo aí nos meses de xullo e/ou agosto do 2006. Si ten permiso non o sei, pero creo que hai outro tipo de muíños moi perto e que están catalogados. Creo que non me trabuco se digo que non creo que teñan permiso de patrimonio. E do concello?

    ResponderEliminar