sábado, 3 de maio de 2008

DÚAS ÁRBORES QUE RESISTEN













Hoxe ímos falar de dúas árbores que resisten o paso do tempo en medios moi dispares, mais con moitos perigos arredor.
A primeira é un lamigueiro ou chopo negro (populus nigra) que está coas súas raigames enterradas bebendo das veas da fonte da Estación, en Panxón, mesmo por baixo da vella estación do Tranvía. Estas árbores necesitan auga e soense dar alí onde abonda todo o ano. No sabería dicír cantos anos ten este exemplar, mais coido que moitos. Os máis vellos do lugar seguro que poden dar conta delo. O vello exemplar resiste case na calzada, chantado na beirarúa tendo o seu carón a fonte por baixo e, moi perto, o cemiterio de Panxón. O mar é dende a súa copa, un pano azul que ondea entre a area das praias de San Xoan, Gaifar e Canido e, xa máis lonxe, Lourido onde tamén resisten outros vellos irmáns. Si a memoria da súa codia poidese falar, cantas cousas contaría?.















Exemplares arboreos en perigo por mor do pouco respecto e os grandes ataques que sofren de coches, máquinas e público en xeral que non ve máis aló que madeira vella na que se pode chantar calquera cousa. A urbanización do litoral, o piche e o formigón non se paran a pensar se lle fan mal a algo que estaba aí xa fai moitos anos e que ben merece máis respecto.

Coidemolos pois entre todos, para que poidan estar entre nós moitos anos máis e nas mellores condicións posibles.









A outra árbore é un Salgueiro cincento (salix cinerea) que se atopa no Chan do Cereixo acompañado por varios irmáns e un Estripeiro. Nunha moi fermosa paraxe, este exemplar resiste na chaira asolagada escoitando o balbordo que producen neste tempo os milleiros de ras que están a reproducirse. As prantas de auga, os parrulos, as garzas, os cabaliños do demo, as abellas e todo un sen fin de bechos que manteñen un armonioso equilibrio ecolóxico, xunto coas vacas , cabalos e ovellas que pacen a vizosa herba que pinta de un verde distinto cada recanto da chan que un pode ollar, son os seus compañeiros.












Resiste este vello Salgueiro ao pé doutros exemplares xa moi deteriorados polo paso dos anos e os empurres do vento e os animais que os utilizan para refregarse contra deles para desparasitarse e deitalo pelo vello. Sós no meio e meio da chaira son a testemuña dun biotopo en perigo. Non hai aínda un ano alguén quería converter estas terras en campos de golf e urbanizacións de chalets. Hoxe, as nosas autoridades medioambientais -Consellaría de Medio Ambiente- pechan os ollos e deixan fora da Rede Natura estes humidais e os das Chans de Torroña e os altos da Groba. Ou non teñen ollos ou non queren ver. Dende aquí convidámolos a que nos visiten e paseen demoradamente por estas zonas. Si esto non e digno de estar na Rede Natura que nos expliquen por que sí o son os eucaliptais que caen cara o mar dende os cumes de toda a Groba.



Estas dúas vellas testemuñas que hoxe pómos aquí, dende ángulos moi diferentes, non o entenden non.


Ningún comentario:

Publicar un comentario