domingo, 4 de maio de 2008

PREPARASE A MANDA










Parece que se nota no ambente que o próximo domingo é o primeiro Curro do ano, o Curro da Valga. Os cabalos pódense ver en pequenos grupos, como se presentiran que dentro de sete días van a ser xotados pola serra para levalos cara o curro. Os potros que nacerón nesta primavera, andan a exercitar as patas con brincos e pequenas carreiras, sen alonxarse moito da súa nai. Non saben eles que van ter que correr dabondo, camiño do curro onde serán marcados a ferro, se teñen sorte, ou cunhas tesouras se van para o matadoiro. Dende SOS Groba gustaríanos que fosen máis os que poideran levar na súa anca a marca do ferro, pois siñificaría que aínda queda esperanza e xente que aposta por seguir coa tradición e criar os cabalos ceibes no monte, pese aos moitos atrancos que esto supón hoxe en día.
Non imos a afrouxar, e apoiaremos a tódolos que aínda teñen folgos para erguerse ao mencer e botarse ao monte para xotar as burras, aos que perden horas de lecer e diñeiro para manter un ferro, moitas veces herdado da familia, de pais a fillos. Apoiaremos a tradición e a un animal en perigo de extinción que - ogallá nos trabuquemos- este ano vai a ir para o matadoiro en grandes cantidades. Animais vellos e novos van a ser vendidos en masa para ser sacrificados por cuestión dos moitos atrancos que está a ter a súa cría en liberdade na nosa serra.
Preparase a manda ceibe, e pinta a serra de cadro ao natural irrepetible pola man do mellor artista,! inimitable¡. Os garañons rinchan agallopando polas chairas, chamando as femias que van a percisar ser cubertas para perpetuar o seu sangue vencedor. Só os máis fortes e sans chegan a dominar e ter forza para cubrir ás éguas fértiles.
Cabalos Ceibes da Groba, sangue milenario con xens peneirados por milleiros de cribos de sol e lume, frío e corisco, baixo estrelas e lúas, menceres e solpores sobre unha terra tallada por unha nai natureza vizosa e esixente que unhas veces da e outras quita, como se fora un océano nas mans de Neptuno que anda a xogar coas naos pretas do seu coiro. A deusa Ceres lle pedimos que teña man do nosos milenarios cudrupes, para que segan a agallopar ceibos, entre curro e curro, e sexa a súa invisibel amazona guiandoos cara ao futuro.
Como a potriña que busca amparo a carón da súa nai, o domingo estaremos na Valga a carón das nosas xentes. Non sabemos si amparo, mais poremos toda a nosa vontade para axudar a que non desapareza a milenaria tradición e o seu principal protagonísta: o CABALO CEIBE DA GROBA

Ningún comentario:

Publicar un comentario