luns, 9 de febreiro de 2009

ASAMBLEA SOS GROBA

O próximo día 20 de febreiro, venres, ás 19 h. en primeira convocatoria, e ás 19,30 en segunda, celebraremos a Asamblea Xeral anual de SOS A Serra da Groba. Ao rematar haberá unha conferencia do profesor da Universidade de Vigo Xavier Simón sobre a enerxía eólica.
Os actos celebraranse na Aula de Cultura Ponte de Rosas, avenida da Feira, Gondomar, ou o que é o mesmo, no local do IEM.
Estamos a preparar tamén unha exposición sobre o patrimonio Natural e Cultural da Serra da Groba, para que todo o mundo que se achegue ata alí poida ver do que estamos a falar nas nosas manifestacións, e tire as conclusións que considere.
Dende esta páxina convidamos a todos/as a que vos sumedes na defensa da Serra da Groba, no seu desenrolo equilibrado e sustentable e na potenciación dos seus valores naturais e patrimoniais. Os veciños, comuneiros e todos os que gozamos do grande patrimonio que nos deixaron, temos a obriga de coidar e preservar para as xeracións futuras a Serra. Non se trata de coutar os dereitos de ninguén, non se trata de roubarlle a terra aos que dende sempre a coidaron e a gozaron, xa co seu traballo cotián, xa coa permanencia nas súas aldeas e pobos. A terra está a darnos sinais de que estamos facendo as cousas mal, de que temos que ser máis coidadosos coa natureza e co patrimonio, de que non cabe a explotación ilimitada dos recursos. Chegou o tempo de dar máis que tomar, e coidar o que queda para que poida rexenerarse e volver a ofrecernos vida, multiplicada nas infindas formas de flora e fauna que de sempre existiron na Groba.
Agardamos sumar esforzos, sumar vontades e consensuar intereses para que todo o dito se cumpra e cheguemos a ver unha serra cada vez máis vizosa.
Estades todos convidados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario