Chega a primavera a Fraga de Oliveira.
Non nos fartaremos de recomendar a visita a fraga de Oliveira. Sempre dicimos que hai que visitala nas catro estacións, para gozar dos matices que o tempo pón nas codias da árbores, nas cores das plantas, no burbullar dos cachóns e os brións das pedras.
Con respecto, agarimo e moito coidado en perturbar o menos posible o son do río, e a vida silandeira, pero abondosa, dos recantos e currunchos de toda a fraga.
Ferve a vida e nótase no canto dos paxaros e o bulir dos inséctos, no agromar dos fentos e o xermolar das follas das abeleiras e carballos, nise pintarse de mil tons de verde dos musgos, brións e as herbas. Os milleiros de ollos que non ves e que síntes, agochados nos furados e os tobos, están a ollar os teus andares que perturban o latexar da fraga.
E todo iso é Groba, auga, terra, madeira e pedra. Río e serra, vida que da vida que debemos coidar e mimar como a unha vella parella de avós que tanto nos dan e nos deron.
Convidados estades a gozar da fraga e comprometidos a coidala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario