martes, 23 de xaneiro de 2024

PIÑEIROS CORTADOS NA PRAIA DA LADEIRA.BAIONA













Recibimos estes días atrás unha denuncia dunha veciña de Baiona que nos chamou para preguntarnos se sabiamos quen mandara cortar uns piñeiros na zona das dunas da Praia da Ladeira, en Baiona. Non sabemos nada do tema e achegámonos ata alí para ver "in situ" do que no falaba esta veciña.

Atopámonos con varios piñeiros cortados e os restos dos mesmos en varias zonas da zona do areal, sen entender moi ben cales foron as causas para cortar eses piñeiros, que pola localización na que están situados non lle vemos perigo nin estorbo. 

Os piñeiros son parte da flora da zona do areal da praia da Ladeira e axudan a consolidar a area e a formación das dunas, reténdoa coas raizes, axudan a propagación de outras especies vexetais e favorecen a fauna variada, dende insectos, aves e pequenos mamíferos, asemade fornecen de sombras o espazo e fan de barreira dos ventos que veñen do mar. Propáganse por sementes e van ocupando espazos libres no areal formando barras coma a que temos na zona do Campamento. 

Son famosos moitos areais con piñeirais centenarios que aínda non foron ocupados polas urbanizacións costeiras en toda a península e tamén en Galicia. Os máis próximos as nosas praias son os restos que fican en Samil e o gran Camarido de Caminha, onde se poden ver a sucesión de dunas e o piñeirais ocupando unha grande extensión dende a costa ata a ladeira da montaña, hoxe atravesada pola estrada e a vía férrea.

Na Praia da Ladeira,  que sofre a invasión urbana do Campamento, con edificacións disfrazadas de bungalós, con terrazas e pisos sobre bases de formigón, muros de perpiaño e rúas, a area está ocupada e o movemento natural vese obstaculizado polos "obxectos" fabricados polo home. Aínda así os piñeiros que fican fóra do recinto e mesmo algúns de dentro do mesmo, amósannos como foi evolucionando o areal e a barra da Ladeira.  Toda a Foz do Miñor se ve intervida pola urbanización dos últimos 50 anos e como os movementos naturais, de cando en vez nos amosan que as marismas e os areais son parte da costa e están sometidos  as regras da natureza , por moito que nos queiramos construír onde non deberíamos.

Inundacións e erosións forman parte do movemento natural dos areais e das marismas. Son espazos que deberíamos coidar e ver con outros ollos distintos aos dos últimos anos nos que tentamos utilizar eses espazos para usos urbanos, construíndo e edificando, ocupando de distintos xeitos o que nunca deberíamos ter ocupado. Hoxe o chamado cambio climático debería facernos reflexionar e tentar parar, no posible, este cambio e devolverlle á natureza o que é dela, sen que isto signifique que non poidamos gozar dela, mais doutro xeito máis respectuoso.

Non sabemos quen mandou cortar esas árbores. Consideramos que non foi unha boa idea e que ese traballo deberíase ter investido en arrincar a cortadeira, herba da Pampa, Cortadeira selloana, e a unlla de gato, herba do coitelo o Carpobrotus edulis que hai nas dunas, que son plantas invasoras que si son un perigo para o desenrolo natural dos areais da Ladeira. Os piñeiros se ocupan todo o espazo do areal superior estarán facendo o que levan facendo dende hai milleiros de anos e non son un problema nin para o turismo nin para a praia. O problema da Ladeira esta no Campamento, camping ou urbanización de bungalós que ocupa e destrúe o espazo natural e segue a modificar a evolución natural dese fermoso espazo do Val do Miñor.

 


1 comentario:

  1. Boas, decir que os piñeiros non levan milleiros de anos na Galiza xa que as únicas coníferas que habían antes das repoblacións forestais impulsadas na dictadura eran: o teixo e o enebro (Juniperus communis)

    ResponderEliminar